Saltar navegación
Concello de Cabana
Concello de Cabana. Secuencia de imaxes do Concello de Cabana
Dolmen de DombateA Cidá de BorneiroMiradoiro de Aves

O CONCELLO
Novas

O crego de Cesullas Saturnino Cuíñas Lois cumpre hoxe o 25 aniversario do seu nomeamento como Fillo Predilecto de Cabana de Bergantiños

O día 21 de agosto de 1983, a corporación municipal en pleno do Concello de Cabana de Bergantiños honrou ó que fora crego da parroquia de Cesullas e alma mater do romaría do San Fins, Saturnino Cuíñas Lois, cunha homenaxe no propio campo da romaxe e co recoñecemento como Fillo Predilecto de Cabana de Bergantiños. Cúmprense, polo tanto, 25 anos desa data conmemorativa.

Saturnino Cuíñas foi galardoado coa Medalla de Ouro do Premio Marcial del Adalid
Os actos comezaron ás 12.30 h coa celebración dunha misa solemne oficiada por Manuel Espiña Gamallo, quen na homilía disertou sobre a figura do homenaxeado. A misa foi cantada pola Coral de Bergantiños baixo a dirección do crego Manuel Rodríguez.

Tras a celebración relixiosa, procedeuse ó descubrimento dunha placa conmemorativa con letras de bronce na fachada da ermida de San Fins, que se conserva na actualidade e que contén o seguinte texto: “O pobo de Cabana ao seu fillo predilecto, D. Saturnino Cuíñas Lois”. De par do texto, aparece a figura simbólica de Cuíñas na que se observa un crego con barrete.

Os actos da mañá finalizaron cunha nova intervención da Coral de Bergantiños, cun recital poético a cargo do carballés Andrés Rei e a actuación dos Gaiteiros de Neaño.

Ás seis da tarde retomáronse os actos de homenaxe. Polo palco de cemento do campo da romaría foron subindo os seguintes artistas e agrupacións. As corais ‘Toxos e Flores’ de Ferrol, ‘Follas Novas’, ‘Lembranza’ e ‘Cántigas da Terra’ da Coruña. O grupo folk ‘Marea Baixa’ de Carballo. O grupo folclórico da Asociación Cultural ‘Río Anllóns’ de Ponteceso. O humorista ‘Carlos O Xestal’. Debutou como vocalista o cantautor carballés ‘Xosé Manuel Eirís’ que tocou unha zanfona pertencente a Cuíñas. A intervención do grupo de gaitas infantil ‘Os Zoquiños’ pertencentes ó Colexio As Revoltas de Cabana. Como fin de homenaxe, ‘Andrés Rei’ dirixiu o Berro Seco lanzado ó aire por todos os asistentes.

Descargas asociadas

Unha noite no muíño pecha as noites do Verán Cultural do concello de Cabana de Bergantiños

Con Unha noite no castro animado, Unha noite no medievo e Unha noite no muíño, o concello de Cabana de Bergantiños pecha o seu programa cultural Verán 08 no que se ofertou á poboación local e visitantes un amplo abano de actividades lúdicas coa intención de dar a coñecer distintos momentos históricos que gozaron de importancia ó longo do tempo no seu territorio.

Muíño do Ferreiro en funcionamento
Unha noite no muíño engalanará as vésperas das Festas do Carme o vindeiro venres 22 de agosto no Campo da Festa de Canduas a partir das oito da tarde. Os actos iniciaranse cunha ruta de sendeirismo polo Rego dos Muíños coa asesoría do historiador Ángel Eiroa. A continuación, poñerase a traballar o muíño do Ferreiro para que os asistentes observen o funcionamento integral dun muíño de regato. E, por último, enriba do palco terá lugar un concerto festivo a cargo do grupo santiagués Festicultores.

O apartado gastronómico do evento contará cunhas 500 racións de empanada de millo con berberechos e empanada de millo con mexillóns. Ademais, realizaranse proxeccións continuadas de fotografías antigas e de patrimonio da parroquia de Canduas.

Unha noite no muíño está coorganizado polo Concello de Cabana de Bergantiños e a Comisión das Festas do Carme 08.

Riobó reviviu o seu esplendor medieval

O sábado, 16 de agosto, desde as 8 da tarde ata ben entrada a madrugada a pequena aldea cabanesa de Riobó reviviu o seu esplendor medieval coa programación da actividade Unha noite no medievo. A oferta incluíu unha ruta de sendeirismo, proxeccións audiovisuais con fotografías antigas e de patrimonio local, paseos a cabalo, zancudos, malabares, lendas, artesanía, música e degustacións gastronómicas.

Fumie Kitahori realizou demostracións de origami na Feira da Artesanía
Un dos pratos fortes da noite foi a celebración dunha feira de artesanía con produtos de inspiración medieval. A ela acudiron artesáns artesáns locais e foráneos. Estiveron representados os oficios dos carpinteiros, zoqueiros, zapateiros, cesteiros, xaboeiros ou ceramistas. Nos 17 stands púidose observar o ferrador de cabalos Ángel de Tella (Ponteceso), os cesteiros Jaime Nantón de Canduas e Manuel Castro de Riobó, o zoqueiro Ramón Varela da Mata, o zapateiro Pepe de Velo de Barizo, o colareira Vanesa da Aldea de Corme, a coireira Margarita Díaz de Madrid, a decoradora de camisetas Sonia Ramallo da Coruña, a decoradora de velas e xabróns artesanais Anxos Orgueira da Coruña, o pintor de pratos de barro de Buño Miguel A. Calvo de Cances e a xaponesa Fumie Kitahori asentada en Riobó e que, ademais de poñer a nota exótica á feira, realizou demostracións de ‘origami’ (figuras xaponesas de papel). Grupos de veciños de Riobó colaboraron na elaboración de abalorios.

Os nenos e nenas riron coa intervención de Fredi Muíño que se disfrazou para esta ocasión de bufón mediefal ou cos agarimos da zancuda Raquel de Vigo que percorreu desde a altura todos os espazos da festa. De todos modos, a actividade máis demandada polos máis novos foron os paseos a cabalo polos arredores do lugar.

O apartado gastronómico tamén foi tremendamente solicitado xa que ás once da noite o público asistente dera boa conta de varias potas de callos e do resto de comida tradicional composta a base de bolos do lar, bolos do pote, cachelos, carne á grella, chulas ou filloas que elaboraran os compoñentes da A.VV. San Martiño.

A música veu da man do dúo de zanfonas Ancestral e a murga de Meaño (Pontevedra) Brisas do Mar que ofreceu un repertorio danzable ata ben entrada a noite.

Unha noite de medievo foi organizado polo concello de Cabana de Bergantiños e a Asociación de Veciños San Martiño de Riobó e contou coa colaboración de todas as casas do lugar.

Finaliza o Programa meniñeiro do concello de Cabana de Bergantiños

Hoxe, xoves 14 de agosto, finalizou o Programa Meniñeiro do Concello de Cabana de Bergantiños. Durante a última quincena do mes de xullo acolleu a 15 nenos e nenas de entre 5 a 8 anos. Na primeira quincena do mes de agosto houbo 9 asistentes de 9 a 12 anos. As prazas foron limitadas e adxudicáronse por orde de inscrición.

Alumnado do Programa meniñeiro
As actividades desenvolvéronse de 10.00 a 14.00 h da mañá pola monitora Ana Amenedo da empresa Breogán de Xestión. Desenvolvéronse talleres de coeducación, xogos tradicionais como a corda ou a pita, habilidades sociais en xogos de roles ou emocións e tamén proxeccións de películas.

Os espazos empregados para o desenvolvemento deste programa coeducativo e de animación foron a Casa da Cultura, o Pavillón Polideportivo Municipal en días de mal tempo, no Auditorio Municipal, o patio do CPR As Revoltas e os espazos públicos da Senda Fluvial do Anllóns.

Este Programa Meniñeiro convocouse desde o departamento de Servizos Sociais do concello de Cabana de Bergantiños e estivo subvencionado pola consellería de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar dentro do programa de Educación Famliar.

Intensa fin de semana cultural para as noites de Cabana de Bergantiños

O teatro, a música infantil e un roteiro de estrelas serán as actividades que converteran os tres días desta fin de semana nunha intensa cita cultural para os veciños de Cabana de Bergantiños e tamén para todos os que se queiran achegar ás prazas de Neaño, do Pendón e ós montes de Borneiro. As tres propostas lúdicas ofertadas serán sempre para despois das dez da noite e aptas para todos os públicos.

A fin de semana cultural comezará o venres 8 de agosto, na Praza do Pendón, a carón do esteiro do Anllóns e na marxe da Senda fluvial. Alí, o grupo de teatro de rúa Os Quinquilláns representará a obra No fondo do mar.

Para o seguinte día, o sábado 9 de agosto, a oferta trasladarase á renovada praza de Neaño na que o grupo Mamá Cabra ofrecerá un concerto de música infantil na Noite dos nenos/as.

A fin de semana rematará cun percorrido nocturno por Borneiro coa Noite das estrelas na que se contará coa asesoría do científico baiés Jorge Mira, rostro coñecido da TVG por ser o presentador do programa Cifras e Letras. O asesoramento en patrimonio e lendas da zona corresponderá ó historiador Ángel Eiroa que neste mes de agosto non para de recibir visitas como guía do dolmen de Dombate. O lugar de saída será o aparcadoiro do castro A Cidá. Prégase ós asistentes a máxima puntualidade por ser esta actividade en domingo. Ademais, aconséllase levar lanterna, ademais de roupa e calzado cómodo.

Intercambio multicultural en Cabana de Bergantiños con mocidade de Bretaña, Malta e Grecia

A mocidade do Intercambio multicultural co ornitólogo José Luís Rabuñal Patiño na enseada da Insua
Durante os días 21 a 28 de xullo, a asociación cultural Pedra da Vella de Cabana de Bergantiños acolleu a tres grupos de mocidade europea como parte dun Intercambio multicultural dentro do programa Juventud en Acción 1.1 do Ministerio de Igualdade do Goberno de España. O tema do intercambio foi o de Cool Heads for Hot Topics (Cabezas frías para temas quentes) e tratou de achegar a mocidade europea a problemáticas da sociedade do século XXI como a violencia de xénero, o racismo, a integración dos maiores e discapacitados na sociedade, a inmigración ou a homosexualidade.

Os convidados procedían da Bretaña, Grecia e Malta. Ademais, houbo oito mozos cabaneses participando directamente do intercambio. As monitoras dos tres grupos foron Angelina Bergmans, de Bretaña, Elena Vavouraki, de Grecia, Carmen Nygaard, de Malta e Diana Pastoriza Espasandín de Cabana de Bergantiños.

Era a primeira vez que na Costa da Morte se celebraba un evento destas características no Ano Europeo das Linguas. Este encontro veuse a sumar a diversas experiencias de intercambio que o Concello de Cabana de Bergantiños ten realizado con Inglaterra, Irlanda ou Bretaña, así como co irmandamento coa localidade francesa Treize Septiers.

As actividades permitiron que a xuventude cabanesa, fundamentalmente, e a poboación, en xeral, obtivese un achegamento a Europa a través da unión de diferentes culturas e o coñecemento das diversas linguas que conforman o patrimonio lingüístico europeo.

Entre o amplo abano de actividades desenvoltas destacou a celebración da terceira edición do Castro Animado. Tamén se recibiu ós alcaldes malteses Ian Borg e Paul Farrugia e se realizou un percorrido pondaliano pola enseada da Insua coa asesoría do ornitólogo José Luís Rabuñal Patiño.

Verán moi deportivo e saudable en Cabana de Bergantiños

O Departamento de Deportes do Concello de Cabana de Bergantiños presenta unha variada oferta de actividades deportivas para disfrutar un verán moi deportivo e á súa vez moi saudable.

Os rapaces de multideporte participan en xogos tradicionais
O programa artéllase en catro direccións. No apartado de concellos saudables realizaranse rutas e camiñadas pola senda do Anllóns e por Borneiro. Ademais de gozar do entorno, os asistentes degustarán merendas saudables.

No apartado de campamentos, propóñense saídas ó Campamento Deportivo Calvo Sotelo da Deputación da Coruña, ó Campus de Fútbol da Torre e Acea da Ama ou ó Campamento Costa Bergantiñá. Ademais, no Pavillón Polideportivo, na Piscina Municipal e nas praias desenvolverase a Semana Saudable con Cabana Multideporte. Nos campamentos poderán participar nenos e nenas desde os 5 ata os 16 anos.

No apartado de programación continuada, no ximnasio municipal ofértase un Curso de Baile Latino e de Step + Body Tonic dirixidos a todas as idades. No apartado de saídas, os nenos acudirán ó circuíto de kárting de Ordes ou a Golpegolf de Baldaio.

Inscricións: Oficina de Deportes ou 981 754 020 / 678 530 368.

Descargas asociadas

Punto de información do Servizo Galego de Colocación

A posta en marcha desta iniciativa evitará os desprazamentos para realizar determinados trámites.

Unha cidadá consultando o Punto de Información do S.G.C.No noso afán por achegar a administración aos cidadáns e cidadás de Cabana e facilitar certos trámites administrativos que ata o de agora conlevaban realizar incómodos desprazamentos, lanzamos unha nova iniciativa.

Xa dispoñemos dun punto de información do Servizo Galego de Colocación (S.G.C.), dende onde todos e todas podedes renovar as vosas demandas de emprego, sen necesidade de acudir á oficina de Carballo.



Tamén é posible consultar as ofertas do S.G.C. e acceder ás páxinas web dos diferentes Servizos Públicos de Emprego Nacionais e Autonómicos.

Ligazóns recomendadas


Hemeroteca: 2006 · 2007 · 2008

Formato RSS 2.0
Ir ao principio da páxina
By Abertal